BACHARELATO:
1º PREMIO: Sandra Amboage (B1A) con O tatuador.
Estás aí? Escóitasme, Lupe? Contéstame, por favor!
Estas palabras procedían de Maribel, a nai de Lupe, unha noite de decembro na que o vento e a choiva reinaban sobre o ambiente.
Lupe saíra da casa, discutira con súa nai, quería poñer unha tatuaxe, pero nin súa nai nin seu pai o aceptaban.
Pasaron unhas horas e non volvía. A nai, que observaba o tempo que facía fóra, decidiu saír e traela de volta. Berrou e berrou por ela, pero nin lle contestaba nin a vía...
...
Tédesme que axudar, non sei nada delas dende onte á noite! Estas son as palabras de Ramón, o home de Maribel e pai de Lupe. Chegara á casa de traballar e non atopou a ninguén da súa familia e, visto isto, foi pedir axuda á policía. O ambiente non pintaba nada ben.
Puxéronse na súa busca, mais en todo o día non conseguiron atopar pista ningunha. Chegou a fría e solitaria noite, a policía seguía coa busca e Ramón decidiu tamén saír ao seu encontro. Pechou a casa e marchou sen saber que el nunca regresaría tampouco.
...
DESAPARECEN 3 PERSOAS DUNHA MESMA FAMILIA EN 2 DÍAS! NON SE SABE NADA DO SEU PARADOIRO. Este é o anuncio que se podía ver en todos os lugares: revistas, xornais, televisor... Ramón tamén desaparecera.
Todo era moi estraño... pero a busca tiña que seguir.
De alí a poucos días, uns axentes atoparon algo que podía ser cualificado como raro nunha fraga, a 7 Km. da casa desta familia: era unha especie de cartel, poñía: “DESÁTAME”, debaixo del notaron como había terra levantada, algo estaba enterrado alí!
Era Lupe, atada e morta.
Seguiron buscando.
Máis adiante atopáronse con outro cartel similar, este poñía “CALOR”. Alí debaixo estaba Maribel enterrada, máis ben pódese dicir o corpo de Maribel calcinado, estaba totalmente queimado, só se diferenciaba un brazo.
A uns cantos metros atoparon un terceiro cartel, como non, igual aos outros dous, pero este poñía : “AIRE”. Como xa podedes imaxinar, alí atopábase o corpo de Ramón asfixiado, cunha corda apertándolle a gorxa.
Os tres corpos foron estudados. Ao rematar os estudos e probas situáronos aos tres xuntos, por orde de morte, e déronse conta de algo: cada corpo levaba nun brazo unha tatuaxe que, uníndoos, tiña un só significado. Isto non se pode desvelar a ninguén máis dos que por desgraza xa o sabemos, porque faría que moitas persoas coma vós non désedes vivido en paz co temor e inseguridade, xa que...!
...
2º PREMIO: Ana Ayude (B1A) con O conto da avoa.
2º CICLO
1º PREMIO: Jénnifer Varela Martín (S4A) con Lenda do día de defuntos.
Onte pola tarde, o meu avó contoume unha antiga lenda que había en México o “Día de los Muertos”. Díxome que era unha celebración mexicana na que os seres queridos dos defuntos lles ían rezar. Esta é a súa fabulosa lenda.
Hai moitos anos, o día 2 de novembro, un rapaz acudira á tumba do seu avó. Fixouse en que nunha das sepulturas do cemiterio había unha carta pechada. O mozo colleuna, sacou o papel do sobre e comezou a ler: son un morto arrepentido do egoísta que fun na vida, e por iso escribo esta carta. Xa sei que non podo cambiar o que fixen na vida, pero gustaríame dicilo para que outros coma min non cometan o mesmo erro. Aquí onde estou non hai nada: nin luz, nin alegría, soamente soidade, melancolía e tristeza. Síntome só, porque mentres vivín fun moi egoísta e agora decátome. A verdade é que non sinto melancolía por ninguén, xa que nunca tiven amigos. Isto débese a que o único que eu quería na vida eran os cartos, e agora non me valen de nada. Ás veces pregúntolle á Catrina, dona da morte por que estou aquí. Ela mírame e dime que cada un ten o que merece, aínda que eu xa estou arrepentido. Ti, querido lector, non cometas o mesmo erro se non queres pasar a eternidade triste e só baixo a tumba.
O neno volveu a meter o papel no sobre e deixouno onde estaba, poñendo xunto a carta unha flor.
2º PREMIO: Beatriz González Varela (3º PDC) con A veciña
1º CICLO ESO:
1º PREMIO: María Ramos (S2A) con Unha noite máxica.
- Ei... Esperta...!
- Que? Que pasou?
- Nada, tranquilo, pero é que son as catro da tarde...
- As catro da tarde??? Ai, meu Deus...! A que me espera ao chegar á casa... As catro da tarde? Seguro? Uff...
- Si, Xoán, si, as catro e dez da tarde. Tranquilo, aínda non es o último en espertar... Carmela, Xaquín e Antón aínda dormen...
- Pero a que hora nos deitamos onte? Que pasou?
- Onte foi Samaín, a noite na que lle demos a benvida ao outono e na que os inmortais visitan este mundo! Estivemos bailando, cantando, xogando... ata as seis da mañá!!!
- Normal logo que aínda espertásemos agora... Así que moita troula!?
- Si, si. Anda, vístete que aínda chegarás máis tarde!
- Pero... durmimos todos aquí?
- Si, teu curmán marchou ás catro porque dixo que hoxe tiña que madrugar...
- Que ben!! Festa!! Haberá que repetir ou? Quen gañou os concursos?
- O de disfraces Xiana, e o de decoración de cabazas Xurxo... Ti gañaches o de “máis ganas de bailar”!
- Ha, ha! Eu quero repetir! Estou desexando que volva ser Samaín. A próxima na miña casa!!! E agora vámonos, se queremos contalo mañá...
- Que razón tes, vámonos, anda!
2º PREMIO: Aida Couso Prieto (S1C) con A fin de semana máxica.
Parabéns ás gañadoras e a todo o alumnado que participou no concurso!