martes, 20 de diciembre de 2011

MICRORRELATOS EN CONTRA DA VIOLENCIA DE XÉNERO

Hoxe tivo lugar no instituto a entrega de premios aos gañadores e gañadoras dos microrrelatos en contra da violencia de xénero. Aínda que había moitos mais que o merecían, houbo que limitarse a dous por cada unha das tres categorías.
Os gañadores/as dos microrrelatos foron:
1º CICLO ESO


1º PREMIO: Belén Ayude Puga (S1A) con: Unha historia para contar.

Chámome Valentina, e o meu home, Miguel Ángel. Eu levaba moito tempo buscando mozo, e, con só dicirme que me quería, namoreime del. Fomos vivir xuntos, e os primeiros días todo ía xenial. Pero logo me dei conta de que era un alcohólico. Un día el saíu de festa, pero eu non, prefería quedar na casa. Ao volver viña borracho e comezou a pegarme, acabei medio morta, toda ensanguentada. Ao fin funme da casa e non o volvín ver. Agora vivo con medo de que volva.

2º PREMIO: Sara Fociños Astrar (S1A) con Os contos non sempre acaban ben.

Chámome Heidi e o meu home chámase Pedro. Coñecémonos moi novos e empezamos a vivir xuntos cando apenas tiñamos a maioría de idade. El sempre fora un pouco bruto, pero nunca comigo; tamén era celoso, aínda que eu non o sabía. Un día subín á casa con un amigo, Marco. Pedro toleou, matou a Marco e pegoume a min. Agora estou soa na casa temerosa de que volva.

2º CICLO ESO

1º PREMIO: Paula Zas Castro (S4A) con Maltrato á muller.

Muller vítima:

Non sei como ocorreu. Eu pensaba que me quería, pero a verdade é que nunca me tratou moi ben. Comezou polos insultos verbais, despois viñeron os puñazos e acabou obrigándome a manter relacións sexuais con el. Aínda non comprendo como cheguei a esta situación.

Veciña do bloque de vivendas:

Parecían unha parella normal. Pero hai un mes comecei a oír berros, golpes e portazos. Os insultos de Pedro a María eran cada vez máis habituais e creo que chegou a violala, xa que un día escoiteille dicir a ela: “Axuda!, Sóltame! Non quero!”. Nese momento decidín chamar á policía, que non tardou en chegar.

Membro da policía:

Cando chegamos ao piso, estaba todo esnaquizado e había lámpadas e figuriñas rotas. Ela non quería vir con nós, e, cando chegou o home, fómonos.Volvemos dúas horas despois e a muller estaba convencida de denuncialo e irse da casa. Entón veu connosco e abandonou o que quedaba daquel piso.

2º PREMIO: María Méndez Montero (S4A) con Maltrato ás mulleres

Muller vítima:

Non podo entender como puiden aguantar tanto. Non sei por que non o denunciei antes, supoño que aínda que me pegara o quería. Non o monstro no que se convertera, senón o home cariñoso que era antes de termos a Sara, a nosa filla. Despois de tela, comezou a pegarme, chamarme gorda... e eu empecei a adelgazar. Cheguei a un punto no que non comía nada, e o meu médico díxome que o denunciara. E aquí estou, denunciando o home que tanto quixen e que, por moito que me empeñe, seguirei querendo.

Filla:

Eu nunca vin a meu pai pegándolle, pero sempre o sospeitei. Miña nai aparecía todos os días cos ollos morados de chorar e con algún que outro hematoma. Non sei como o puido soportar, pero imaxino que o quería. Espero que non lle volva pasar, porque eu sufro con iso.

Psicólogo:

Despois de saber todo o que lle fixo, non sei como esta muller puido aguantar tanto. Está traumatizada e dubido que poida volver confiar nun home. Estou afeito a que os meus pacientes me conten cousas, pero as que me contou ela son as peores, sen dúbida.


BACHARELATO

1º PREMIO: Xácome Laya Sánchez (2º BAC A) con un microrrelato sen título.

- A intranquilidade que sinto é tan continua como o respirar.



2º PREMIO: Ana Ayude Puga (B1A) con un microconto sen título.

Pensei que non ía volver pasar, pero alí estaba anoxado comigo. Nos seus ollos busquei o que algún día houbera entre nós, pero non lembrei nada. Non lembrei.

No hay comentarios:

Publicar un comentario